martes, 16 de junio de 2026

Últimas sesións do Club de lectura das familias (15.6.26)

No mes de maio reunímonos o luns 25 para compartir as nosas valoracións das últimas lecturas deste trimestre e na última reunión do curso, o luns 15 de xuño fixemos unha valoración final moi positiva das lecturas deste trimestre, ambas de autoras que xa nos visitaran con anterioridade, Arantxa Portabales e María Solar. 

A continuación, realizamos unha avaliación das actividades desenvolvidas neste curso: para os membros do club, sobre todo para os que levan participando nel nestes tres anos de existencia, o que máis destacan é a diversificación das actividades deste curso xa que, ademais, dos xa habituais encontros cos/coas escritores/as, realizamos dous roteiros literarios, asistimos á unha obra teatral, visitamos exposicións, etc. 

De feito, a nosa 1ª actividade para o curso que vén vai ser continuidade da exposición visitada en abril (Castelao grafista) en Negreira. Prevemos desprazarnos a Pontevedra o vindeiro 19 de setembro para realizar unha visita guiada no Museo de Pontevedra á exposición A derradeira leición do mestre.



 

A visita á cidade do Lérez complementarase cun roteiro literario seguindo os espazos da primeira proposta lectora do vindeiro curso: a novela Todo canto fomos de Xosé Monteagudo.



 Rematamos, pois, este curso coa ilusión posta no vindeiro e xa coas nosas primeiras actividades deseñadas.

No hay comentarios:

Publicar un comentario