miércoles, 17 de junio de 2026

Última sesión do club BIBLIOTECARIAS no refuxio de Covas

Último martes de reunión.

Día de facer avaliación do curso: que lecturas nos gustaron máis, que recomendaríades para o curso, que imos ler este verán,  cales foron as actividades máis motivadoras…

Pero tamén día para afianzar a cohesión, o sentimento de pertenza a un grupo.

E que mellor que compartir xantar e xogos nun espazo único:  O REFUXIO DE COVAS!!!!


martes, 16 de junio de 2026

Últimas sesións do Club de lectura das familias (15.6.26)

No mes de maio reunímonos o luns 25 para compartir as nosas valoracións das últimas lecturas deste trimestre e na última reunión do curso, o luns 15 de xuño fixemos unha valoración final moi positiva das lecturas deste trimestre, ambas de autoras que xa nos visitaran con anterioridade, Arantxa Portabales e María Solar. 

A continuación, realizamos unha avaliación das actividades desenvolvidas neste curso: para os membros do club, sobre todo para os que levan participando nel nestes tres anos de existencia, o que máis destacan é a diversificación das actividades deste curso xa que, ademais, dos xa habituais encontros cos/coas escritores/as, realizamos dous roteiros literarios, asistimos á unha obra teatral, visitamos exposicións, etc. 

De feito, a nosa 1ª actividade para o curso que vén vai ser continuidade da exposición visitada en abril (Castelao grafista) en Negreira. Prevemos desprazarnos a Pontevedra o vindeiro 19 de setembro para realizar unha visita guiada no Museo de Pontevedra á exposición A derradeira leición do mestre.



 

A visita á cidade do Lérez complementarase cun roteiro literario seguindo os espazos da primeira proposta lectora do vindeiro curso: a novela Todo canto fomos de Xosé Monteagudo.



 Rematamos, pois, este curso coa ilusión posta no vindeiro e xa coas nosas primeiras actividades deseñadas.

jueves, 4 de junio de 2026

Presentamos o club

 O alumnado do club de lectura realizou un mural coas actividades e lecturas realizadas. O destinatario non é só o alumnado do IES, tamén queren presentárllelo aos rapaces e rapazas de 6º de primaria cando veñan visitar o instituto.

Seguro que despois da presentación que lles fixo Andrea e Teo, algún ha de queren apuntarse.

Agardámosvos!



jueves, 7 de mayo de 2026

QUE ESTAMOS LENDO?

 Seguimos con BANDA DESEÑADA.

Pero desta volta imos compartir diferentes títulos. Cadaquén escolle en función do tema que lle interese. Le e intercambia con outra ou outro compañeira.

Na próxima reunión compartiremos impresións.



miércoles, 6 de mayo de 2026

Unha viaxe ao mundo do libro

Hoxe, as mozas e mozos do club de lectura do Xulián Magariños viviron unha mañá intensa. Comezamos cunha visita guiada á Biblioteca Ánxel Casal. Aquí descubrimos o miolo dunha biblioteca pública: que servizos presta, que actividades deseña, con que seccións conta, como se busca un libro, como se presta, que hai na hemeroteca, por que se fan os puntos e interese, como se clasifican os fondos…

A visita rematou cun Kamishibai interpretado polas bibliotecarias.

Mais a mañá aínda nos deparaba máis descubertas: a Feira do libro, situada na Alameda de Santiago, e ……. SORPRESA! 

Un obradoiro de FANZINE coa poeta Branca Trigo.

Unha mañá completa e ben INTERESANTE





martes, 28 de abril de 2026

Club de lectura das familias: Visita á exposición "Castelao grafista" en Negreira

 Para finalizar as nosas actividades deste intenso mes de abril, o martes 28 volvemos reunirnos na Casa da Cultura de Negreira para presentar e repartir as novas lecturas para os meses de maio e xuño.





- Arantza Portabales, Asasinato na casa rosa, Galaxia.

- Arantza Portabales, Asasinato no muíño do cura, Galaxia, 

- María Solar, As malas ideas, Xerais.


Nesta ocasión despois da reunión realizamos unha visita guiada á exposición Castelao grafista, exposta no Centro sociocultural de NegreiraNesta panorámica da obra gráfica de Castelao puidemos ver caricaturas publicadas na prensa ou láminas dos seus álbums máis coñecidos como NósMilicianos ou Atila en Galicia.


A coordinadora do Club realizou a visita guiada -á que estaba invitada (a través da aplicación Abalar) calquera persoa da comunidade educativa que quixese participar- e tróuxonos facsímiles dos álbums de Castelao que puidemos contemplar.











lunes, 27 de abril de 2026

Club de lectura das familias: Roteiro Mazarelos con Manuel Portas

27 de abril realizamos un roteiro literario pola zona vella de Compostela acompañados de Manuel Portas sobre a súa novela Mazarelos.

Esta é a segunda ocasión que gozamos da súa compañía, pois o curso pasado xa nos visitara na Biblioteca do noso IES para falarnos dalgunhas das súas obras narrativas. Naquela visita mencionounos tamén a novela que estaba a escribir e que apareceu publicada a finais do pasado ano.

Grazas á xenerosidade deste autor, tivemos a enorme sorte de que nos acompañase polos espazos da súa novela nas rúas compostelás e de que compartise connosco o moito que sabe da nosa Historia.

Graciñas, Manolo, e ata a próxima!